Marcial Valladares Núñez

Homenaxeado/a Ano 1970


Marcial Valladares Núñez naceu en Vilancosta-Berres-A Estrada, no ano 1821, e alí morreu en 1903. Estudiou leis en Santiago, e chegou a Xefe superior de Administración Civil, pero en 1866 deixouno todo para retirarse ó seu casal de Vilancosta, e dedicarse ó xornalismo e á literatura.

Fixo en 1867 un CANTIGUEIRO POPULAR, que permaneceu inédito ata 1970 en que o publicou a Real Academia Galega. Escribiu uns ELEMENTOS DE GRAMÁTICA GALEGA en 1892, tamén inéditos ata 1970 e tamén un DICCIONARIO GALEGO-CASTELÁN.

Foi un precursor na poesfa galega (versificador de estilo familiar e sentido), pero especialmente na narrativa, xa que a súa novela MAXINA OU A FILLA ESPUREA –unha narración de temática contemporánea e costumista-, vén se-la primeira novela en lingua galega. Foi publicada en 1880, pero xa antes vira a luz como folletón en "La llustración ga-llega y asturiana".

 

MAXINA OU A FILLA ESPÚREA (frag.)

"Corría o ano mil oitocentos sesenta e seis: era unha mañán de maio; empezaba a esclarecer, e ladrando os cans nas eiras, daban a xente que pasaba polas congostras; cantaban xa o millangarrido, a bubela e o cuco nas carballeiras, o merlo e o reiseñor nos salgueirales, o paspallás entre os centeos, e os xílgaros e carrinciños, os chincheiros e siríns desfacíanse nos eidos mirando cada un pra o seu amor, que alí os oviños no níxaro empolaba, e adozando todos en concerto vario, traballos preludio de maternidá. Era o día vintesete, día da romería no Pico Sagro, e subindo a aquela altura de dous mil cento trinta e oi-to pes sobre o nivel do mar, altura onde, según lendas e tradicións do País, habitaron antigos mouros, e dis que algún habita aínda; onde en novecentos catorce fundóu o bispo don Sisnando menesterio de Benitos;onde en mil oitocentos trinta e un o arzobispo compostelano Frei Rafa el Veles mandóu poñer, e en primeiro de novembre daquel ano púxose no curuto mismo unha gran crus de pau pra que os pasaxeiros a adoraran, feita astelas por un raio o sábado de Ramos de mil oitocentos trinta e seis; rubindo por aquel monte de carronchiñas frolidas, queiroas e recentes tomelos, acudían de moitos lados, por diferentes carreiros, devotos que iban a visitar o Santo San Sebastián, algúns asta con ofrendas; todos a rezarlle, a oirlle misas na súa solitaria ermita, único que hoxe se ve alí, pausado como unha pombiña blanca ó pé da cresta".