" LEMBRANZAS"
(e outros poemas)
Por Xulio Prado
(vicepresidente da Asociación de Escritores de La Victoria e director do dominicial "Epicentro" en Venezuela)


LEMBRANZAS

Hoxe lémbrote Galicia
dende este lado
do mundo

Teño na alma
un anaco de mar
un laio quedo

e ti estás lonxe
moi lonxe

Cada mañá
a brétema
sementa bágoas
nos regos da soidade
e sinto que me chaman
lonxe
moi lonxe

Un vento frío
métese nos osos
camiña baixo o sol
en cada loita
de ausencia
de fame de nai.



VELEIRO DE SOÑOS

Facemos de mar
cada noite


convertimos as sabas
en veleiro

para navegar
nas ondas da ausencia

No porto do amencer
descubrimos
que a realidade
está alí
o desembarcar
do barco dos soños.



NAUFRAXIO

Percorrín
os camiños infindos
desta América
caribe
atlántica
pacífica

Deixéi
un anaco de pel
en cada fronteira

Naveguéi
con sol e lúa
hasta atopar
a terra ideal
para o meu naufraxio.



LONXE

Busco as letras
en todo-los recunchos
da pel

Esculco un verbo
no diccionario
cuberto de abandono

Paso unha folla
e outra máis

en todas atopo
a mesma palabra
multiplicada:
lonxe, lonxe
lonxe.



AVENTURA

Foi unha aventura
fuxir do lar
buscando a liberdade

Despóis
de longos camiños
cubertos
co pó do esquecemento
só hay ganas de voltar
ó fogar
xa libre

a aventura sigue.



CAMIÑOS DE TERRA

Somos
cidadáns do desterro
atravesamos
fronteiras infindas

non enraizamos
en veigas ermas

buscamos unha terra
que sexa nosa
tan só

cando a atopamos
alí quedan
os osos
esquecidos
baixo a lápida.



APOIO

O son dunha gaita
no pentagrama
do vento
cura a pel ferida

aviva os latexos

Notas
envoltas en soños

muletas
compañeiras da viaxe.



HOSPEDE

Son hóspede
na casa da morriña

séntome con ela
á mesa

é meu alimento
mentres ela
come en min.



SOÑOS

O mar
roza as tempas
métese no sangue
sen permiso

Río salobre
nun océano de bolboretas

As ondas
golpean os acantilados

estremézome
esperto mollado

comezo a camiñar

no deserto.



ESCOLA

Na leira infinda
das angurias
trócanse patacas
por poemas

deprendemos a falar
coa boca baldeira

Moi educados
entramos
nas portas do lenguaxe
e podemos falar
de léxico
sintaxe
morfoloxía

Palabras e area

berros fronte o mar
xordo.



FACULTADE

Tempo
dame a facultade
de naufraxar
nunha illa deserta
azoutada
por ondaxe de piñeiros

Alimentareime de vento
frouma
auga cristalina
fentos
xuncos
carqueixas

sosego.



FERIDAS

Na loita coa memoria
sempre
vou perdendo

Busco feri-la de morte
e son eu
que morre
día a día
ferido de lembranzas
e saudade.



PROFESION

Cada camiño
é unha experiencia

Os pasos
ensinan a ser

Aprender, aprender
aprender

os nomes
a cor dos billetes
a fala

Educarse
ano tras ano
só para ser
profesional da ausencia
especialista
en lonxanía e esquecemento.



ESQUECIDO

Corrín o risco
no deserto dos soños
sen auga
sen reloxo
nin brúxula
para descifra-lo nome
de esa eternidade
que é o esquecemento
e aquí estou
cun deserto de anos
na pel
vivo

esquecido.



Xulio Prado é natural de Boborás (Ourense), e vive en Venezuela desde hai 26 anos. Alí é vicepresidente da Asociación de Escritores de la Victoria; unha cidade onde dirixe o suplemento literario dominical "Epicentro". É autor de varias publicacións, entre elas: "Un gallego mojado en el río Bravo", "Canto al emigrante", "Naufragio de silencios", "Ritual de sombras", "Galegos entre nós", "Lembranzas"...