|
Rafael Dieste
|
||||||||
|
1995
|
||||||||
| Rafael Dieste naceu en Rianxo no ano 1899 e finou en Santiago de Compostela no 1981. Moi novo viaxa a México e participa nas campañas en Marrocos. Xornalista tamén moi novo, dirixiu e fundou as publicacións: Nova Galicia, Hora de España, El mono azul, e El Buque Rojo. Pensionado pola Junta de Ampliación de Estudios estudiou o feito teatral en Francia e Bélxica, sendo o teatro un dos seus nortes vitais. Creou e dirixiu o Teatro Guiñol de las Misiones, publicando entre outras obras teatrais Al Amanecer, Nuevo retablo de las maravillas (ámbalas dúas, teatro de guerra) Viaje duelo y perdición e Viaje y fin de Don Fontán e sobre todo A Fiestra Valdeira a peza emblemática do teatro galego deste século, e símbolo do rexurdir teatral en Galicia. De fonda formación filosófica e literaria, foi xefe de equipo de Misións Pedagóxicas e director do departamento literario de Atlántida (Buenos Aires). |
||||||||
![]() |
||||||||
| Exerce como lector de español en Cambridge e profesor en Monterrey (México). Voltou a España en 1978, residindo en Rianxo e A Coruña. Foi prolífico conferenciante e publicou numerosos traballo monográficos. Entre a súa obra non teatral hai que destacar Historias e Invenciones de Felix Muriel(a xeito de autobiografía), Testamento Geométrico, Dos arquivos do trasno (contos), Rojo farol amante (versos) e outros moitos títulos que van do ensaio á pintura; da historia á investigación xeométrica. En 1970 ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre A Vontade de estilo na fala popular. |
||||||||
|
|
||||||||
| Tanto ouvira falar de Bôs-Aires, das ruas longas e direitas que non se dan ademiradas nin andadas, da prata relocinte e xenerosa con que alá premian o traballo, dos boletíns de moitas llanas e da xente sabida que os lé, dos longos trens que bruan pol-a pampa infinda e de mil cousas ledas, lanzales e rumosas, tanto ouvira falar, antrementres co-a navalla barbeira a mais levián da vila- percorría as fazulas dos seus parroquianos de sempre, e tanto no seu maxín escarabellou o falado, que un día topouse de súpito co-a circia vôntá dir a Bôs-Aires. Dez anos alá, e voltaría rico de pecunia e lembranzas. Unha mañanciña saeu da vila cun baul pequerrecho. Cando chegou ao porto endexamais vira unha cidade- sinteuse atordoado e pequecho naquel reducio de escintilos e romores novos, e a rentes andivo de voltar. E hai quen di que dixo moi ademirado, moi anguriado e moi pol-o baixo: -¡Qué grande é o mundo! Dez anos alá e voltou rico de pecunia e lembranzas. Chegou en tempo de invernía, cando andan os gatos a se pasearen pol-a casa moi desacougados, e as galiñas fan ringolas na sombra do alpendre, e as badaladas que chaman â novena fan o serán esguío, espiritado. E cando estivo na casa e pasou o ledo barullo do recibimento, púxose a asubiar algo que escomenzou en tango e rematou en vella cantiga, mentras os vidros da fiestra choromicaban diante dos seus ollos, estragoando a rua homilde. Algo moi vello e moi novo foi sortindo solermiñamente de non sabía que esquencidas veas do seu intro. E sinteuse asolagado ate a gorxa de dôce e rara anguria de morto reviviscido. E cando pasaron uns picariños correndo e salmodiando aquelo, (Chove chove - na casa do probe, - na miña non chove) marmulou co-a voce esnaquizada: - ¡Qué grande é o mundo!. (A Fiestra Valdeira, Rafael Dieste, IGAEM, 1994) |
||||||||
|
|
||||||||
|
||||||||