O vento zoa

O VENTO zoa

nas outas lumieiras,

e do pinal viciño

óucese a fonda queixa.

Toquenando co sono

na lareira

están os cativiños,

e namentras a nai salouca e reza.

O vento zoa

nas removidas tellas;

a saraiba inverniza

dun curisco, apredrea.

As ferintes saudades

medoñentas

nas almas arrequecen...

e namentras a nai salouca e reza.

O vento zoa

e unha cantiga enxerga

que de saudosos tempos xa pasados

as lembranzas esperta;

mais pensando no fillo

que levaran á guerra,

espello de aquel home

a nai, triste e dorida,

xa morto en terra allea,

xa non reza

porque coida que o vento

xeme tamén nas outas lumieiras

con laios tan firentes

como os dela.