![]() |
Lonxe
|
Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados |
|
|
Compañeiros da miña xeración
mortos ou asesiñados ¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa, de todos nós co mundo! Facíamos un feixe de campos e de estrelas, e ó pisar ise chao que latexaba sentíamos subir pola sangue o misterio. O noso corpo era o camiño da maxia, a escada pola que viña a lúa, o zume de todol-os segredos, a canzón da herba que resucitóu. E o mismo verme era unha folla leda, un mensaxeiro do sagrado alén. Morréchedes, matáronvos, deixáronme. Quedéi eiquí, lonxe das vosas sombras. E gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás. ¡Tan doce era a xuntanza miña e vosa, de todos nós co mundo! |
(Do libro Lonxe, de 1942) |
LUGO Na fonte de ferro, no coiro dos bois, no espello do vento, da navalla e da frol. No recén da herba, no lobo e no can, nos ollos da meiga, na pedra do lar. No refaixo dela, na ponte do alén, no andar das ovellas, no ar do mencer. No cabalo quente, no viño millor, no que non se perde no meu corazón. A noite senlleira, no liño tecido, na madeira tenra dos vellos castiros. Na vida, na morte, no amor e no ren, lobaréite, Lugo de aceiro e de mel. |
ROMARIA L¡Baila, meu amor, e volta de novo a bailar! Na punta do pé na palma da man. Nunha escada de herba baixaron os anxos por te ver bailar. Baila meu sol baila, na punta do pé na palma da man. Cara de cereixa, non deixes no ar coma un peixe o corpo brincando na mar. ¡Baila, meu amor, e volta de novo a bailar! Xa meu corazón non é meu nin é corazón humán: ten maos e ten pés e ponse a bailar. Na punta do pé na palma da man. ¡Baila, meu amor, e volta de novo a bailar |
MANUEL PONTE Berraron os ósos brancos do luar, os eixos da terra víronos berrar. Pola túa morte, pol-o pulo teu, camiño dun novo, limpo, eterno ceu. Choraron as serras, choraron os toxos e chorou o pan. Mais houbo, Manuel, nos albres, na iagua, na luz das mañás, na fouce do raio tras de lostregar, coma un xuramento de homes a xurar: ¡Pola túa morte a loitar, a loitar! ¡Ti fuches a ponte do río de Deus, a ponte do pobo dos teus e dos meus! E por iso estala como estala un cantar a espada das verbas ardentes do lar: ¡Pola túa morte a loitar, a loitar!. |
MANUELA SÁNCHEZ Pomba, ponla, mai, señora, guía, vara, mai de nós: Hoxe non quero saber como te chamas nin perguntar qué foi da túa mocedade. Hoxe non quero máis que te lembrar de novo no cume mais antergo das mámoas proteitoras, ergueita, xurdia, forte, lanzal coma ninguén. E fose coma fose, ti chamaraste ponla, a mais verde do verde carballo que se vira. Aguia mortal na guerra, na paz señora pomba, mai e guía de nós, da nosa vida enteira. Ti chamaraste ponla, ti chamaraste a vara mais outa do pombal. Non chegan a ti as balas dende que pomba és, verde no zumo verde da figueira e da vide, verde ponla, pros labregos de Lugo e pros granxeiros dos verdes cómaros do mundo. Pomba branca e máis branca pros brancos mariñeiros de Vigo sempre branco ou pros dourados mariñeiros de Siam. Pomba, ponla, mai, señora, guía, vara, mai de nós. |
|
| |
|||