|
Antón Avilés de Taramancos foi, sobre todo e por riba de todo, poeta. A súa creación obtivo importantes recoñecementos a nivel nacional e galego, o que solapou o resto da súa producción que, en menor escala, se nutre tamén de textos narrativos desde epístolas ata ensaios, pasando por artigos, traduccións e un texto teatral que non se chegou a editar.
.- POESÍA.-
Poeta de verso fresco e cristalino, épico e elexíaco, Avilés de Taramancos constrúe unha poesía poderosísima, grandiosa e coral. O amor, a ira nacionalista, a nostalxia imposible do home de dous mundos, flúe cunha forza arrebatadora nos poemas dun home rabiosamente vital que amou sen mesura a vida, a patria, a liberdade, a materia. Con estas palabras descríbese a obra de Avilés de Taramancos na publicación Longa noite de pedra: editada por Ophiusa, e recollendo o título da obra de Celso Emilio Ferreiro, compílase ós poetas de posguerra en Galicia entre os que Antón Avilés ocupa un lugar privilexiado.
Avilés de Taramancos edita o seu primeiro libro en 1955 con "As moradas do vento", á que seguiu "A frauta i o gargamelo" (1959) e Pequeno canto (tamén de 1959), polo que obtivo un accésit no premio da colección Brais Pinto. Ambas escritas durante a súa estancia en A Coruña e Ferrol onde pasou seis anos antes de emigrar a Colombia.
Durante o tempo que pasou en América só mantivo esporádicos contactos co mundo literario galego a través da correspondencia con Salvador García-Bodaño que en 1971 fixo publicar algúns dos seus novos poemas na revista Grial, ou da aparición en La Voz de Galicia do poema Pranto por Urbano Lugrís escrito en memoria do seu amigo pintor que faleceu en 1974. En 1963 escribe a primeira parte de Os poemas de ausencia.
Xa volto a Galicia publica en 1982 O tempo no espello, onde incluiu ademáis dos dous primeiros libros, os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Poemas da ausencia (1961-1981).
En 1985 sae á luz Cantos Caucanos, en tanto que en 1989 publícase As torres no ar, e xa póstumo edítase Última fuxida a Harar.
O tempo de emigración serviría tamén para que Avilés de Taramancos fixese algunhas incursións noutros xéneros literarios. Ademáis da poesía, desenvolveu o epistolar a través da súa correspondencia. Nas súas cartas reflexiona sobre a vida, a xuventude, o sufrimento e os soños envoltos, unhas veces en saudade e desacougo, e outras chegan cargadas de esperanza e ilusión.
Pero Antón Avilés tamén practicou como traductor, ensaísta, narrador e articulista, o que mantivo ó seu regreso a Galicia nos anos 80, colaborando en revistas galegas como Grial, Dorna ou Luzes de Galiza.
Nova crónica das Indias é o único libro de relatos de Antón Avilés de Taramancos que se publicou, en 1989, coincidindo coa edición do libro de poesías As torres no ar.
Cómpre mencionar tamén un texto teatral escrito en 1983 para os escolares de Serra de Outes baixo o título de Tres capitáns dos tempos idos, e que permaneceu inédito ata 2003, en tanto que unha recopilación dos seus ensaios atópase en Obra viva, editada en 1992, o ano do seu pasamento, complementando ós libros de poemas editados tamén de xeito póstumo.
A xeito de resumen, a obra de Antón Avilés de Taramancos pódese estructurar en:
OBRA POÉTICA.- Destacan tres períodos:
- 1. Antes do exilio (etapa en A Coruña e Ferrol).- entre 1953 e 1959 o autor publica:
As moradías do vento (1955)
A flauta i o garamelo (1959)
Pequeno canto (1959)
- 2. Emigración (estadía en Colombia).- de 1962 a 1980, a súa creación poética pasa por:
Poemas de ausencia (1963 e 1969)
10 poemas publicados en Grial (1971)
- 3. Regreso a Galicia.- de 1980 ata o seu falecemento en 1992, publica:
O tempo no espello (1982)
Cantos caucanos (1985)
As torres no ar (1989)
- 4. Obra póstuma.- logo do seu pasamento en 1992 edítanse:
Antoloxía poética (1992)
Última fuxida a Harar (1992)
OBRA NARRATIVA.- Cómpre mencionar:
1. Epístolas, ensaios, traduccións e artigos que escribe, tanto na súa época de emigrante en Colombia, como ó seu regreso a Galicia..
2. Nova crónica das Indias: relatos publicados en 1989
3. Obra viva: recopilación de ensaios, artigos, conferencias, discursos e intervencións públicas do poeta, editada en 1992 como obra póstuma.
4. Tres capitáns de tempos idos: texto teatral datado en 1983 e publicado en 2003.
|