Notas
Bibliográficas
Sarmiento,
Frei Martín.- Era fillo de Alonso García Gosende,
mestre de obras, e de Clara de Balboa, casados en Vilafranca
do Bierzo onde nacen os seus tres irmáns mayores,
José Antonio (novembro, 1683), Alonso Antonio (setembro,
1686), María Bernarda Josefa (febreiro, 1693) e logo
el a noite do 9 de marzode 1695; bautizado dez días
despois na parroquia de Santiago, impoñéndolle
o nome de Pedro José García Balboa. Tiña
súa nai corenta e cinco anos, e ós catro meses
de nacer trasládase toda a familia a Pontevedra,
onde vai seu pai de correo mayor. Alí, cando súa
nai tiña 48 e 50 anos, nacerán dous irmáns
menores, Rosa e Francisco Javier, e aínda vivirá
moitos anos, pois morreu no 1737 ós 84 anos, según
di Frei Martín.
A súa
infancia pontevedresa dura case 15 anos. Lembrará
o de 1702 porque o 4 de octubro botou a súa
primeira sinatura, e a mediados queimou o inglés
a flota de Vigo. Ata 1700 escribe xa moitos pregos para
cousas dos meus pais e para a Gramática detalle
que invita a supor que non serían moi letrados, cando
se serven do seu fillo.
O 3 de maio
de 1710 sae para o convento de San Martín de Madrid,
co fin de facer o noviciado na Orde benedictina. Profesa
o 24 de maio de 1711, e a mediados de octubro pasa a estudiar
Artes no Colexio de Hirache, e despois filosofía.
A mediados de abril de 1714 regresa a Madrid, e a comezos
de octubro vai a Salamanca estudiar Teoloxía no colexio
de San Vicente; matricúlase na Universidade no curso
1716-17, retornando os veráns a Madrid, como cando
estudiaba Artes. Alí emprégano en face-las
contas e escribi-los estados para o Capítulo Xeral,
Na época salmantina é cando cambia de nome,
e aparece matriculado como Fr. Martín Sarmiento.
No curso
anterior (1715-16) aparece entre os alumnos de San Vicente
un Fr. Manuel Sarmiento, que podería
ser o mesmo Frei Martín, pois ata ten por mestre
ó padre Navarro, do cal foi entón amanuense.
O cambio de nome debeuse a que había varios Garcías,
e non puido quedarse co segundo apelido, porque había
outro Balboa. Así elixiu, ou elixíronlle,
o segundo de súa nai, Sarmiento, e o Martín
(se antes non foi Manuel) púxose en honor do patrón
do convento en que profesou. Desde entón é
Frei Martín Sarmiento.
En novembro
de 1717 vai de pasante ó mosteiro de Eslonza e o
mesmo fai nos dous anos seguintes, voltando en verán
a Madrid. En 1720, tras unha curta estancia en Salamanca,
de regreso de Eslonza, remátase a etapa leonesa,
para o 1 de novembro principiarse a asturiana, no convento
de Celorio, onde encina Teoloxía e predica uns 20
sermóns. Por maio de 1723 deixa Celorio e marcha
para o convento de San Vicente de Oviedo. Aquí atópase
con Feijoo, a quen parece que vai seguindo, pois ambos pasaron
por Salamanca e Eslonza, e fórxaxe unha amizade que
nin o tempo nin a distancia logrará desfacer. Ó
pouco de chegar a Oviedo cultiva a vea humorística
nun ROMANZÓN A LA CAÍDA DE LA TORRE DE LA
CATEDRAL DE OVIEDO (13-XII-1723). En xuño de 1725
péchase a etapa asturiana. Volta a Madrid, pero antes
viaxa de Oviedo a Pontevedra para se despedir da súa
nai, xa de 75 anos.
Vía
Luarca, Ribadeo, Mondoñedo, Betanzos, A Coruña
e Santiago, Pontevedra, Tui, Ourense, León e finalmente
Madrid o 27 de octubro. Aquí princípiase o
asento definitivo na Vila e Corte. Desta viaxe veraniega
a Galicia non fixo diario, pero quedan abundantes noticias
espalladas polos seus escrit
os.
Seguen os 20 anos de residencia madrileña, interrompidos
polos 15 meses de estancia en Toledo (febreiro 1726-maio
1727). Alí xa comezan os escritos crítico-burlescos
contra a Compañía de Minas de Guadalcanal
(decembro, 1725) o MARTINUS CONTRA MARTINUM (Toledo, 28-XII-1726)
e o papel satírico contra Carlos de Montoya e Unzueta
(mércores de cinsa de 1731); estes dous últimos
en defensa do THEATRO CRÍTICO, e todos eles inéditos.
Péchase esta etapa coa súa única obra
publicada, a DEMOSTRACIÓN CRÍTICO-APOLOGÉTICA
DEL THEATRO CRÍTICO UNIVERSAL (1732), que tivo dúas
redaccións, pois o retraso na impresión permitiulle
mellora-la primeira, que di era moi diferente, e convervába
aínda entre os seus pregos en 1768. Non paga a pena
lembrar entre a súa obra publicada os 14 índices
dos correspondentes tomos das obras de Feijoo, edición
que correu sempre ó seu cargo.
Nesta etapa redacta, a petición do Cardenal Valenti
Gonzaga, as MEMORIAS PARA LA Hª DE LA POESÍA
Y POETAS ESPAÑOLES (entre 1741 e 1745), por suxerencia
de Juan de Iriarte escribe as REFLEXIÓNES LITERARIAS
PARA UNA BIBLIOTECA REAL (30-XII-1743), por orde do rei
Felipe V fai un dictame sobre o SISTEMA DE ADORNOS DE ESCULTURA,
INTERIORES Y EXTERIORES PARA EL NUEVO REAL PALACIO DE MADRID
(14-VI-1743), que ha de continuar a petición do seu
fillo nun novo escrito redactado entre o 29-VI-1947 e o
30-VIII-1748. Tamén surxe, de encarga, o informe
SOBRE EL OCHO POR CIENTO que había pagar
a relixión benedictina (1743). As obras de encarga
priman sobre os seus traballos vocacionais durante este
período que se pecha co Capítulo General de
Valladolid de 1745. Sarmiento nos 20 anos de encerro madrileño
quedou farto de homes e de libros.
O Capítulo General de Valladolid (12 a 23-V-1745)
dalle ocasión para a súa VIAJE A GALICIA que
ten proxectada desde hai meses. A súa vocación
etimolóxica entra en crise, decátase de que
non ten na cabeza máis ca voces, fáltalle
o seu complemento, as cousas. Por iso prepara
o seu DIARIO, leva un libriño de botánica,
o Joao Vigier, Hª DAS PLANTAS DE EUROPA, para identifica-las
plantas, recolle as voces vulgares e xeográficas
(topónimos); e a cultura e lingua galegas dominan
tódalas súas preocupacións científicas
a partir de aquí, aínda que terá que
ocultar a todo o mundo tan extravagante interese, nacido
ós 50 anos. Os 7 meses (xuño de 1745 a xaneiro
de 1746) de estada en Galicia fecundárono de voces
galegas, e ó regreso a Madrid, co gallo da morte
de Felipe V e a exaltación de Fernando VI, escribe
o seu COLOQUIO DE PERICO E MARICA. COPLAS ou COLOQUIO DE
24 GALLEGOS RÚSTICOS, onde se narran os feitos con
fidelidade histórica e propiedade filolóxica,
servendo de base para o comentario lingüístico
das voces alí recollidas e asociadas a este único
fin. O COMENTO ou GLOSARIO fíxose descontinuamente:
primeiro o das 13 primeiras coplas (1747), despois (1751-53)
chega a 30, e desde esta á 41 do 7 ó 14 de
agosto de 1761, en 1767 andaba pola 70, dous anos antes
de morrer, pola 146.
No 1747 reiníciase o encerro madrileño. Volven
os traballos de encarga: outra vez sobre OS ADORNOS DEL
REAL PALACIO (1748), o CATÁLOGO DE LIBROS SELECTOS
para o marqués de Aranda (1748), SOBRE EL ANIMAL
ZEBRA para o conde de Maceda (1752), SOBRE EL ARCHIVO DE
SAMOS Y ARCHIVEROS (1752), SOBRE EL ARCHIVO DE CELANOVA,
a petición da Orde, e uns dez pregos SOBRE EL SISTEMA
DE HACER UNA DESCRIPCIÓN GENERAL DE TODA ESPAÑA
(1751), xunto co PLANO DE UN NUEVO Y FÁCIL MÉTODO
PARA FORMA UNA GENERAL DESCRIPCIÓN XEOGRÁFICA
DE ESPAÑA (mesmo ano), a petición, probablemente,
do marqués da Ensenada. A data de 1751 é significativa
na súa traxectoria científica: é entón
cando comeza a desenvolverse a súa preocupación
de naturalista e sobre todo de botanista, que se vai desenvolvendo
nos seus PENSAMENTOS CRÍTICO-BOTÁNICOS (1753-1762).
O máis persoal de todo este período é
o ÍNDICE INDIVIDUAL da súa biblioteca particular
(1750) escrito para si mesmo. Péchase esta etapa
o 5-V-1754, en que marcha, fuxindo da fame, de Madrid. É
tamén viaxe preparada anticipadamente. Antes procurou
aprender as INSTITUCIONES REI HERBARIAE de J. Pitón
de Tournefort, e cos seus tres tomos parte para Galicia
co fin de recoller nomes vulgares de plantas e voces galegas
en xeral. É a viaxe máis longa, xa que non
volta a Madrid ata o 27-XI-1755. Aquí comeza o CATÁLOGO
DE VOCES VULGARES E EN ESPECIAL DE VOCES GALLEGAS DE DIFERENTES
VEGETABLES e continúa en cadernos distintos os apontamentos
que constitúen o CATÁLOGO DE VOCES E FRASES
DE LA LENGUA GALLEGA na súa parte segunda, pois a
primeira contén os materiais achegados en 1745. Tamén
escribe aquí a carta ó padre Terreros SOBRE
EL ORIGEN DE LA LENGUA GALLEGA Y SOBRE LA PALEOGRAFÍA
ESPAÑOLA (Pontevedra, 17-I-1755).
Ó regreso de Galicia (27-XI-1755) volta a encerrarse
na súa cela. Ten 60 anos. Comeza a época de
maior fecundidade. Traballa na BOTÁNICA
para clasifica-los materiais recollidos en Galicia, ponse
ó día na bibliografía, e comezan a
saír escritos sobre o tema: ACEDARACH, ÁRBOL
LLAMADO INICUAMENTE CINAMOMO(1-IV-1756), PREGUNTA: SI NACEN
EN GALICIA, EN QUÉ SITIOS Y EN QUÉ CANTIDAD,
DE QUÉ CALIDAD LOS VEGETABLES KALI, SOSA Y BARILLA
(1-VII-1756) dilatado traballo que estivo precedido doutros
máis breves como a ORIGEN DE LAS VOCES PONTEGA, PUGA
Y PÚA, DE ORIGEN GREGO (8-VII-1756), e SOBRE EL HYPOCISTO
DE BÓTICA Y DE LOS LIBROS, EN GALLEGO PONTEGAS (11-VII-1756)
e seguido destoutros: TILIA, ÁRBOL TEXA, LATÍN
TILIA. EQUÍVOCOS (10-VIII-1756) e NOTICIAS DE ALGUNOS
VEGETABLES EXTRAÑOS QUE YA ESTÁN CONNATURALIZADOS,
Y SE CULTIVAN EN ESPAÑA, O EN TIERRA O EN TIESTOS
(4-XI-1756).
En 1757 asina: LA PLANTA CÓSCORA, CÓSCORA,
JUNTA PULPA, etc. EL GEUM DE TOURNEFORT (14-VIII), a RESPUESTA
SOBRE UNAS PLANTAS REMITIDAS DE ASTURIAS A MADRID EN 1757
(19-X) e o MOSTAJO EN CASTELLANO, EN LEÓN, ASTURIAS
E EL BIERZO MOSTAYO, EN LIÉBANA MOSTAZO (16-XII).
En 1759 asina a segunda redacción DE LA PLANTA CARQUEIXA
(4-XII) e ademáis o ÁRBOL BETULA, EN GALLEGO
BIDUEIRO, EN CASTELLANO ABEDUL (4-VIII); no ano 1760 escribe
acerca DE LAS PLANTAS SCROROFULARIAS (25-IV) e SOBRE LA
PLANTA BARDANA (28-VI); en 1761 escribe a terceira e máis
ampla redacción sobre a DESCRIPCIÓN, EFECTOS
Y VIRTUDES DEL VEGETABLE CARQUEIXA (30-III), logo SOBRE
PLANTAS QUE HAN VENIDO DE TOLEDO Y DE SUS VECINDADES Y DEL
CASTAÑAR (19-X). Do 15 de maio ó 30 de agosto
de 1762 redacta o extenso traballo titulado: PAPEL CURIOSO
SOBRE LA PLANTA QUE EN GALICIA ES MUY COMÚN Y SE
LLAMA SEYXEBRA, e antes precedeulle o escrito SOBRE LA PLANTA
MANZANILLA (6-VI) e seguido outro sobre o ÁRBOL DE
ARANJUEZ QUE SE CREE SER DEL PALO SANTO (2-IX). A partir
desta data a febre botánica diminúe, ata 1766
non volve ó tema. O 29 de agosto escribe DE LA GRAMA
OLOROSA, EN GALLEGO LESTA (cunha adición do 10-X-1767)
e en 1768 SOBRE EL VEGETABLE BANGUÉ EXÓTICO
Y ORIENTAL, co cal péchase o ciclo botánico.
Tamén á volta de Galicia medra nel o interese
pola Historia Natural, por iso escribirá: SOBRE EL
PHENICOPTERO O FLAMENCO, AVE (1757), SOBRE LOS ATUNES O
ALMADRABAS (1759), SOBRE EL LOBO CERVAL (1760), SOBRE EL
PAPIÓN O CYNOCÉPHALO (1760), SOBRE LOS PECES
CETÁCEOS ORCAS (1760), unha nova redacción
SOBRE EL ANIMAL CEBRA QUE SE CRIABA EN ESPAÑA (1761),
un longo traballo titulado NOTICIA DE UN CUERPO RHINO-CERONTE
(1762), por citar só os traballos máis dilatados.
Ó longo destas obras hai que situa-las nacidas de
encarga. Citaremos, entre outras, SOBRE LOS CAMINOS REALES
DE TODA ESPAÑA (1757), a petición do conde
de Aranda, aínda que non hai que esquecer que unha
boa parte delas son respostas a preguntas formuladas por
carta ou nas conversas da súa cela.
Pero por riba de tódolos seus escritos está
o interese etimolóxico, centrado primeiramente sobre
o castelán e os seus vellos textos, e que se reflicte
nas súas CONJETURAS PARA ESTABLECER ALGUNAS ETIMOLOGÍAS
DE DIFERENTES VOCES, QUE SE USAN EN ESPAÑA, principiadas
en 1730, e continuadas, moi irregularmente, ó longo
da súa vida. Logo esténdese (1745) ó
galego, e coa segunda viaxe a Galicia (1755) fortalécese
e calla en traballos coma o ONOMÁSTICO LATÍN-GALLEGO
DE LOS VEGETABLES QUE VIÓ EL P. SARMIENTO, quizáis
de 1756, o mesmo que BORRÓN DE VARIOS NOMBRES GALLEGOS
DE VEGETABLES, ou o ONOMÁSTICO ETYMOLÓGICO
DE LA LENGUA GALLEGA (principiado en 1757, continuado en
parte en 1758, interrompido logo ata 1766 e continuado en
1769), e os ELEMENTOS ETIMOLÓGICOS SEGÚN EL
MÉTODO DE EUCLIDES (iniciados o 1-VI-1758 e interrompidos
ata 1776 no que os remata). Aínda no 1770 escribe
o DISCURSO APOLOGÉTICO POR EL ARTE DE RASTREAR LAS
MÁS OPORTUNAS ETIMOLOGÍAS DE LAS VOCES VULGARES(20-X-1770),
que é a súa derradeira obra sobre o tema.
Tamén pertencen a este derradeiro período
da súa vida obras menores como ETIMOLOGÍA
DE EL NOMBRE DEL LUGAR DE SAN MARTÍN DE SACAR DE
BOIS (3-II-1758), ETIMOLOGÍAS DE LA VOZ VALDEORRAS
Y DE SU PUENTE CIGARROSA (12-II-1758), CASTELLANOS DE ORENSE
(27-X-1758), ORIGEN DE LA VOZ GALLEGA MIXIRYQUEIRO (1760),
ORIGEN DEL NOMBRE Y CASA DE SAN JULIÁN DE SAMOS (1761),
ORIGEN DE LA VOZ ESCURIAL (11-X-1762), etcétera.
Alternando con estes traballos comezaba este ano a OBRA
DE SEISCIENTOS SESENTA PLIEGOS, que trata de Historia
Natural y de todo género de erudición, con
motivo de un papel, que parece se había publicado
por los Abogados de La Coruña contra los foros y
tierras que poseen en Galicia los benedictinos e nela
traballa ata 1766.
Tamén as experiencias viaxeiras por Galicia fanlle
profundar no eido da xeografía, cativado pola toponimia
e a historia antiga, e escribe o seu PROBLEMA COROGRÁFICO
PARA DESCRIBIR TODO EL REINO DE GALICIA CON UN NUEVO MÉTODO
(1762) seguindo unha afección principiada en 1741
co PLANO PARA FORMAR UNA DESCRIPCIÓN GENERAL DE AMÉRICA,
entregado ó marqués de Valdelirios e que enlaza
co PLANO da España de 1751, que só
foi un simple esbozo.
As preocupacións pedagóxicas, típicas
deste derradeiro periodo da súa vida, están
presentes en case tódalas obras desta época
e callan nunha parte da OBRA DE SEISCIENTOS SESENTA PLIEGOS
e no autógrafo da EDUCACIÓN DE LA JUVENTUD
(8-XI-1768).
Ó carón desta constante preocupación
etimolóxica, presente en tódolos seus escritos,
hai que coloca-la de introducirse na súa obra, co
fin de que, se laguen se interesase pola súa vida,
pudiera reconstruíla con facilidade ó acudir
ós seus escritos. É particularidade aprendida
na lectura de Caramuel, segundo dá a entender na
NOTICIA DE LA VERDADERA PATRIA (ALCALÁ) DE EL MIGUEL
DE CERVANTES (9-V-1761). Deste xeito é doado trazar
unha biografía de Sarmiento asustando cronolóxicamente
as súas propias noticias. Tamén pertence a
esta época a xustificación de porque non publica
EL PORQUE SÍ Y EL PORQUE NO DEL P. SARMIENTO (1-I-1758),
o único escrito no que acomete un feito exclusivamente
persoal.
As máis das obras publicadas por Sarmiento son pouco
fieis ós manuscritos e editáronse no século
XIX; outras do XX non se basearon en boas copias. Todas
merecen mellores edicións.
Malia non ter publicado nada, Sarmiento significa moito
no seu século. A súa opinión é
moi cualificada diante do rei e dos seus conselleiros, que
directa ou indirectamente lle consultan con frecuencia:
para os adornos do Palacio Real, para a descrición
de España, para a contribución única,
para a formación da Biblioteca Real, do Xardín
Botánico, do Gabinete de Historia Natural, para os
camiños reais, etc.
Sorprende que non arelase máis celebridade da que
tiña no reducido círculo dos seus compañeiros
de tertulia nin tentase acreditala con publicacións
impresas, máis, pola contra, tentase introducir detalles
da súa vida nos seus escritos, pensando no futuro.
Non é doado dar razóns deste comportamento.
Sarmiento é, dentro da súa época, unha
curiosa mestura de arcaísmo e novidade, difícilmente
conciliable. No século das Luces é un ilustrado
profundamente católico á vella usanza. Non
se lle ocorrería racionaliza-la fe. Herda tódalas
intransixencias relixiosas cara os xudeus, mouros e protestantes,
toda a xenofobia da España imperial. É a herdanza
do pasado. Máis tamén mira ó futuro.
O único que non lle parece interesar é o presente.
É un racionalista absoluto, e a súa razón
só admite unha barreira in obsequium fidei: todo
o demáis é opinable. Non mesturou a fe coa
razón, nin navegou entre ambigüedades relixiosas.
A súa vida non foi conflictiva ó xeito da
de moitos ilustrados, coma un Olavide, un Jovellanos, un
conde de Aranda, etc.; é unha mestura da fe de carboeiro
e de racionalismo difícilmente harmonizable. O seu
ideario é profundamente materialista. Rebélase
contra a afección hispánica ás abstraccións,
vaguidades e charlatanería, e propón un ensino
fundamentado exclusivamente nas ciencias físicas
e naturais, feito no idioma vulgar. Deben rexeitarse do
encino as ciencias contenciosas, pois non serven
para nada, e os métodos matemáticos e xeométricos
son os únicos que serven para demostrar algo. Tamén
é un convencido historicista e proclama que
tódalas ciencias se deben ensinar históricamente,
sen dúbida porque o exame da perspectiva histórica
de calquera ciencia, é excelente mestre, que vai
ve-los éxitos e fracasos da traxectoria de dita ciencia.
Si é xenófobo de modas, costumes e barata
incredulidade, é, en troques, denodado xenófilo
dos inventos, experiencias e progreso dos extranxeiros.
Tódalas súas cousas útiles deben ser
imitadas, e tódalas súas estupideces deben
rexeitarse: xusto o contrario do que se facía: entraba
a moda, os costumes, a irrelixiosidade, o anticlericalismo,
e aló quedaba a botánica, a historia natural,
a química, a mecánica, a agricultura, etc.
Sarmiento non é home do século, naceu con
un de antelación, e esa foi a súa desgracia,
foi moi adiantado para o século XVIII e moi retrasado
para o noso. Por iso, se prescindimos do seu valor documental
e lingüístico, hoxe só pode contemplarse
e ser apreciado dentro dunha perspectiva histórica
e polos datos que recolle. Cando as luces de Feijoo ameazaban
desterra-las supersticións, as bruxerías e
as pantasmas, Sarmiento parece garda-lo seu recordo, presentindo
que algún día será apreciado o seu
valor, ben coma testemuño da irracionalidade humana,
ben coma restos de crenzas do pasado arredado, cousa que
un século despois farán os folcloristas e
etnógrafos elevando esas miudezas á categoría
de saberes.
Cando a norma lingüística, académica
e cortesá, fiel espello dun centralismo borbónico,
acaba de nacer, xa Sarmiento considera insuficiente, cativa,
pois deixa fóra a grande riqueza das falas populares
que el coñece, e xa agrupa en unidades dialectais
claras: leonés, asturiano, montañés,
rioxano, etc.
En vez de admirar, estudiar e gaba-la lingua castelá,
ocórreselle facer obxecto de estudio a lingua galega,
a máis desprestixiada da nación, comparala
coa castelá e portuguesa, e ata tratar de demostrar
que gardaba unha latinidade máis pura ca das outras
dúas.
En lugar de acepta-la crenza máis xeneralizada de
que as etimoloxías constitúen un pasatempo
caprichoso, empéñase en as imaxinar tema absolutamente
científico, e froito dunha evolución regulamentada
dos sons; que son necesarias para penetrar con profundidade
no significado das cousas, e ambas (cousas e palabras) teñen
que ser estudiadas solidariamente. Presinte e adiviña
a lingüística románica e as gramáticas
comparadas das súas linguas, reclama a creación
dos diccionarios históricos e adianta a reconstrucción
das voces latinas perdidas.
En vez de canta-las vellas glorias hispánicas e as
desventuras do seu século reclama coma ninguén
a modernización e europeización de España.
Está subscrito ás revistas científicas
europeas: Acta Eruditorum, Journal des Savants, Memorias
de Trévoux, Hª y Memorias de la Real Academia
de Ciencias y de inscripciones y Bellas Artes de París,
as transaciones de Inglaterra, extratadas en italiano (
)
Germanique, etc.
A súa formación principia aquí, pero
posteriormente acrescéntase e especializa. Nel bebían
tódolos eruditos do século XVIII, para os
cales a ciencia é un brillante verniz e non unha
serie de coñecementos prácticos que teñen
que ser postos ó servicio da humanidade, coma cría
Sarmiento.
A petición de Sarmiento créase o Real
Jardín Botánico, e desde 1743 está
a reclama-la creación de bibliotecas e xardíns
botánicos en tódalas cidades, como hai en
Europa. Reclama ademáis a Academia de Agricultura
e a creación de cátedras universitarias de
Historia Natural, Agricultura e Botánica.
Sarmiento é o primeiro que pon a andar en trenqueleante
castelán a nova ciencia botánica, que circula
nunha xerigonza grecolatina, da que aínda non acaba
de arredarse no tempo de M. Colmeiro. Por iso os seus escritos
son pezas testemuñais valiosas para documenta-las
primeiras aparicións dos tecnicismos botánicos
do castelán. E isto faino a contra gusto, pois sempre
estivo en desacordo coa linguaxe fechada dos científicos,
pero o feito mesmo da aprendizaxe xa condicionaba a súa
forma de expresarse.
Tamén os seus escritos están inzados de denuncias
e estafas da administración real, e recrimina constantemente
ó goberno a creación de cargos administrativos
inútiles e excesivamente pagados, feito característico
da nova dinastía, que trataba de achacar ás
ordes relixiosas, e especialmente á súa, a
pobreza do país, a cal non era óbice para
se apuntar excelentes soldos.
Por todas estas razóns pódese comprender que
Sarmiento non publique: os seus intereses e preocupacións
científicas non son as correntes na súa época
e non lle pagaba a pena perde-lo tempo en defendelas, xa
abondo perdera defendendo a Feijoo.
Galicia fixo de Sarmiento un mito. Interesouse máis
en adoralo que en dalo a coñecer, xa que non hai
dúbida de que a meirande parte das súas obras
foron publicadas forra dela, e ademáis, como él
presuponía, as menos apreciadas foron as lingüísticas,
pois foron as últimas en publicarse. Abonda con botar
unha ollada á lista de textos publicados para convencerse
disto. Comezou interesando máis a súa obra
literaria (Memorias para la historia de la poesía
y poetas españoles), cultural (Reflexiones literarias
para una Biblioteca Real), histórica (Discurso crítico
sobre el origen de los maragatos), médica (Disertación
sobre
la carqueixa), e mesmo botánica, cá
específicamente lingüística, que comeza
a publicarse a finais do s. XIX e en Madrid (Revista Contemporánea,
XIX, 1878, Carta a Terreros sobre el Origen de la lengua
gallega y sobre la Pedagogía española), e
posteriormente en Galicia por obra de M. Murguía
na Ilustración Gallega y Asturiana do ano seguinte;
moito máis tarde veu o Onomástico etimológico
de la lengua gallega (1923) e ambos en publicacións
por entregas, non en libro a parte.
Sen embargo, hoxe a súa obra lingüística
é a máis apreciada, aínda que só
sexa pola súa natureza documental, posto que, se
prescindimos do bacharel Olea, que non era galego, é
o primeiro en interesarse por recoller, documentar, estudiar
e mesmo escribir en galego; e o que é máis,
defendelo, dignificalo non só como materia de estudio
comparable ó castelán e portugués (que
rivalizaban en desprestixialo) senón como lingua
usual cos mesmos dereitos a ser empregada, e non perseguida,
que calquera das peninsulares. Non convén esquecer
que esta ideoloxía, na Galicia do século XVIII
era, coma el mesmo confesa, unha absoluta necesidade, e
os seus propios paisanos, ata os máis ilustrados,
rexeitaríana como unha extravagancia do famoso frade.
O seu pronóstico resultou certoe moito tivo que agradar
para velo desmentido.
Hoxe a súa Colección de Voces y frases gallegas
e o seu Catálogo de Voces Vulgares y en especial
de Voces Gallegas de diferentes vegetables, son excelentes
repertorios de materiais lingüísticos galegos,
dunha época na que nin en soños se pensara
en formar un Diccionario gallego, aínda que esta
fora unha das máis queridas e inconfesables arelas.
Nestas obras, ademáis dos comentarios etimolóxicos,
moitos deles acertados, encóntranse recollidas toda
clase de noticias etnográficas, históricas,
folclóricas, toponímicas e fitonímicas,
que son de grande utilidade. Tamén temos que agradecerlle
o seu repertorio de nomes vulgares galegos de plantas, e
é de lamenta-lo tratamento pouco coidadoso que tivo
por parte de M. Colmeiro na súa Enumeración
y revisión de las plantas de la Península
Hispano-Lusitana, non moi diferente da que F.J. Rodríguez
fixo o respeito da Colección de Voces y frases gallegas
no seu Diccionario Gallego-Castellano.
O amor a Galicia e a súa lingua é constante
en toda a obra de Sarmiento, de aí que, en calquera
delas, aínda na que menos se sospeita, poden atoparse
noticias sobre voces ou cousas de Galicia; por iso é
necesario lelas todas con enorme coidado para aproveitar
ó máximo os seus traballos, e confiamos que
pronto ó termina-la edición das dúas
Obras Lingüísticas, poidamos ofrecer un repertorio
completo do seu léxico.
A Galicia do recordo e das súas viaxes, a do exilio
e o vituperio, asoman sempre dolorosamente nas súas
páxinas e poucos hai no seu tempo que se teñan
preocupado tanto por remedia-la súa miseria, denuncia-los
abusos e estafas que en nome do ben público se cometían
nela. E tampouco se contén, era o susto, á
hora de critica-las eivas máis comúns da súa
terra.