..:: DIAdasLETRASGALEGAS.com ::..
Historia da Lingua
O Galego, A Lingua
Románica e Europea 
Romance
Hist. Língua Galega 
Letras Galegas
Historia 
Homenaxeados 
Monográficos 
Colaboracións
Enlaces
galiciaxigital.com 
galegos.info 
educacion.info 
culturagalega.info 
 ELADIO RODRęGUEZ GONZöLEZ, 2001
VIDA | OBRA | CRONOLOXÍA | SOBRE ELADIO R.GUEZ GONZÁLEZ
lexicófrago | poeta | xornalista

Eladio Rodríguez, Poeta.

“Sei que hai moitos que disprecian a lírica e din que os tempos actuales son de prosa. Eu non me chamarei poeta. Poetas son os escollidos, os predestinados, os que teñen ás no pensamento e lanzan a chuvia de estrelas das súas estrofas sobre das almas. Nado na aldea e alí feito mozo, quixera ter a imaxinación que non teño para pintala. Alí hai bágoas constantes e feridas eternamente abertas; por eso a poesía galega permanece invariable. Todo eso que vexo na aldea, as corredoiras, as gándaras, os piñeiraes, as mozas, tróuxeno aos meus versos…”. Son palabras empregadas polo propio Eladio Rodríguez, recollidas en A Nosa Terra do primeiro de xuño de 1925 e agora rescatadas da hemeroteca para axudarnos a defini-la obra poética deste escritor que, según o historiador Marcos Valcárcel, “denuncia a miseria, protesta contra o caciquismo e láiase polos emigrantes”.
A súa poesía está considerada como eminentemente costumista, con notas patrióticas, de rebeldía ou loita, e moi influenciada por Lamas Carvajal, Curros, Cabanillas e Pondal. Caracterízase polo seu ruralismo, por unha actitude cívica identificada coas loitas agrarias e máis pola inclusión de elementos míticos de raíz fundamentalmente celta na reivindicación patriótica.
Eladio Rodríguez comezou de mozo escribindo poemas na súa aldea natal de San Clodio (Ourense), que foron publicados na revista O Tío Marcos da Portela e que lle valeron, ademáis, varios premios galegos, como o Caravel de Prata que consigue en Betanzos en 1887 polo poema “O puzo do barco”; ou os Xogos Florais de Tui onde acada o premio de honra en 1891. Xa en 1918, no ano en que se celebra a Asamblea Nacionalista Galega, obtén o primeiro premio e máis o premio extraordinario da Festa Galega organizada en Lugo coas composicións “Alma de Raza” e “¡Malpocado!”.
“Os galegos forra dos lares”, de 1886, foi o primeiro poema publicado en O Tío Marcos da Portela que lle abriría as portas doutras publicacións como Galicia, El Eco de Galicia da Habana, A Monteira de Lugo, a Revista Gallega da Coruña ou Follas Novas da Habana.
Apoiándose nas súas incursións poéticas en prensa, Eladio Rodríguez publica o seu primeiro libro en 1894, e cando contaba 30 anos de idade: Folerpas. Nel recolle algúns dos poemas que xa viran a luz en distintas publicacións, e que responden ós subxéneros da lírica do momento, baseándose de xeito especial no costumismo como demostran descricións do San Xoán, as festas e romaxes con mozos e mozas, os bailes labregos con gaiteiros, os diálogos no muiño ou as lendas populares que se recollen nalgúns poemas.
Logo desta primeira experiencia pasarían case trinta anos ata ver unha nova publicación de Eladio Rodríguez: Raza e Terra, de 1922, foi o segundo libro de versos deste autor. Mentras que o primeiro aparecía na Biblioteca Gallega de Martínez Salazar –a colección na que atopamos títulos clave da nosa literatura- Raza e Terra ve a luz en Ferrol na colección Céltiga. De temática semellante ós de Folerpas, os escasos doce novos poemas manteñen unha continuidade co poemario inicial, e só “As fouces” e “Xan labrego” foron concebidos na liña do berro libertador posto de moda por Cabanillas. Oito dos doce poemas deste libro serían logo reeditados na seguinte publicación.
Menos tempo pasou entre este segundo libro e o terceiro e máis coñecido do poeta: Oraciós campesinas. Versos galegos (editado por Roel en 1927). Con él despediríase Eladio Rodríguez da edición poética, xa que foi o último poemario publicado en vida do autor. As 81 composicións suponen unha importante escolma da súa obra que abrangue dende 1908 ata a data da súa publicación. Case vinte anos de creación poética compilados nunhas páxinas a través das que Eladio Rodríguez regresa á súa terra natal, establece un vencello especial co mundo agrario e humilde, manifesta os seus influxos do Rexurdimento, promulga o agrarismo abandeirado por outros autores de sona como Cabanillas e crea uns versos que rebosan adoración pola terra e as súas raíces rurais.
Completan a súa creación poética “Terra miña” e “Sementadores de Ideal” –dúas obras que nunca viron a luz-, así como “Canción do camiño” que aparecía na revista El Eco Franciscano de Santiago de Compostela, e que está considerado o último poema do autor.

¡DEMO NON DIGAS!

Todol-os días falan de reformas
que serán proveitosas pr’os labregos,
y-anque fai tempo xa que se cobizan,
¡vai boa! nunca salen de proyeutos.

Quéixanse os probes de que n-é posibre
vivir eiquí en Galicia cos trabucos,
y-os gobernantes, pra calmar suas queixas,
fanse o sordo e prenúncianlle discursos.

Por eso, cando penso algunhas veces
que entre tantos partidos como hai hoxe
n-ha de haber un xiquera que consiga
o cobizado ben estar dos probes;

Cando vexo que todal-as reformas
encamiñadas á facer xusticia
lle salen ô rivés, cal si unha meiga
andivese na conta entrometida,

Eu, como son supersticioso, créndo
que estarán todos eles embruxados,
pol-o baixo, y-alá con certa sorna,
digo pra min: ¡Si habrá que esconxuralos!
(Folerpas, 1894)


O CAMIÑO

Terra miña, meiga terra,
terra mansa;
déixate de mansedume;
vólvete brava,
verás como entonces
ninguén te asoballa.
Non todo ha de ser morriña,
nin ha de ser todo mágoas,
nin has d’estar pidinchando
como pidinchan os que andan
asempre â esmola dos favores
que abichornan e rebaixan.
Pasou o tempo dos choros
e das bágoas,
e xa é hora de que seipas
terte forte cos que mandan,
pois é millor que che teman
que non que che teñan lástima.
Canto máis chores pidindo
máis te verás aldraxada,
que os pobos que choran
son pobos sin alma.
Terra meiga, doce terra,
miña pátrea…
Fíate dos teus esforzos
e tén fe cega na raza.
Sigue sin medo o camiño
do progreso e das espranzas;
camiño seguro,
non limpo de lama,
que os novos pobos emprenden
y os teus destinos che marcan.
Terás n’él moitos tropezos,
darás moitas coteñadas,
máis anque tripes espiñas
e sangue che fagan,
e sáquel-os pes feridos
si vas descalza,
non desconfíes
da redentora xornada,
que â derradeira está o trunfo
dos que poden y-os que mandan.
Coa conciencia do que vales,
móstrate brava,
verás como entonces
ninguén te asoballa.
Loita pol-o teu adianto
con voluntá forte e santa,
que os pobos que loitan
son pobos con alma.
Terra miña, meiga terra,
terra mansa…
Fai que nos teus campos ermos
canten de cote as aixadas
o himno trunfal do traballo;
que fumeguen as tuas fábricas
como us incensarios
que nunca se apagan;
que no amor ô chau nativo
comulguen todal-as almas;
que n’este espertar grorioso
de redención e xuntanza
non falten os teus bos fillos,
e que se abran
as fenestras do futuro
cara â nova vida atlántica…
Sigue por ese camiño,
si queres ir na compaña
dos pobos que pensan
e saben ter alma
(Raza e Terra, 1922)


ORACIÓS CAMPESIÑAS

Quixera que os meus versos
cheirasen á terra húmida,
unxida e consagrada
no vello e santo rito das decrúas:
no rito do traballo,
que é rito de fartura
i-é rezo relixioso e aloumiñante
d’unha nova liturxia
que nos atrai con voz de sementeiras
e nos quenta con líricas quenturas.

Quixera que os meus versos
sonasen sempre á cántigas barudas;
á cántigas de aixadas
que arrincan os terrós nas cavaduras,
i-á oraciós campesinas que dispoixas
de adeprendidas non se esquecen nunca,
porque falan de espigas
e de anadas fecundas
que levan moita vida ôs cabaceiros,
e levan grau âs tullas,
e levan agarimo ôs lares probes
e levan pan âs huchas…

Quixera que os meus versos,
en arroutadas de emoción profunda,
tivesen oraciós de atardeceres
entr’as estrofas súas,
e laios de alalalaas que alá ô lonxe
morren mainiños n’unha nota única…
Quixera que en ofrenda
â meiga Nai Natura
recollesen o sagro misticismo
da maxestade augusta
do campo, â bocanoite,
cando o día esmorece e se amortuxa,
cando o lirismo chouta pol-as veigas,
cando as copras garulan
ledas e graleantes,
e cando o lusco e fusco anda â precura
do Acougo e do Misterio
pra botarse a dormir nas espesuras…

Quixera que os meus versos
entrasen nas casupas
homildes das aldeas,
á esa hora sagra das reunións nocturnas
en que a cociña é un tempro
de ceremonias rústicas
i-en que a lus morriñenta
se envolve no mantelo da parruma;
i-alí, ô pê da lareira, ô amor do lume,
entramentas gurgulla
o esguerio caldo no bazuncho do pote,
visen cómo a familia, toda xunta,
reza o santo rosario
e roga pol-as almas xa difuntas
e pol-os nenos orfos
e pol-os desherdados da fertuna,
e pide á Deus o pan de cada día
en patriarcales súpricas…

Quixera que os meus versos
entendesen a voz calada e muda
con que as sombras da noite
moumean sordamente i-âs escuras
o seu “Ora pro nobis”,
como oración nouturna
que corre pol-as fragas
asomellando marmullar de bruxas,
mentras na leiras o Silencio dorme
i-as valgadas se esfuman
i-os agoiros despertan
i-as fadas todas xogan e rebuldan;
mentras nos piñeirales
tece e destece a lúa
os seus fíos de lus entr’a pinica
formando as máis pantásticas figuras,
ó tempo que alá enriba parpadexan
e estrelecen e trunfan
os olliños do Ceo
que non se pechan nunca,
porque os abriu para sempre a Eternidade
i-están de cote â esculca…

Quixera que os meus versos
chegasen âs conciencias máis escuras,
e despertasen n’elas
as voluntades murchas,
e prendesen nas almas
a arelas patrióticas máis xurdias,
e rezasen á eito
a pregaria eucarística e litúrxica
do santo amor á todo canto é noso
i-á todo canto en nòs vive e perdura,
pra que así nos sentísemos
nas xornadas futuras
máis grandes e máis donos de nòs mesmos
diante da nova lus que nos aluma,
diante da nova Era
que os feitores dos pobos nos anuncian.

Quixera que istes versos
fosen canción de chuvia
que cai mainiñamente na outonada
sóbor das follas murchas,
cando os campos se esconden entr’a brétema,
i-ó paisaxe se viste de tristura
i-o vento tolaineiro
na carballeira funga,
en tanto a Terra Virxe,
xa feita Nai, recréiase na sua
nobre Maternidade,
máis grande e máis groriosa que ninguna.

Quixera que os meus versos se trocasen
en oraciós sinxelamente rudas,
en oraciós dos campos
que os fouciños pronuncian
i-os mallos cantan diante do altar das eiras
como unha doce e mística canturria
que sona agasalleira pol-os eidos
á fecundante música;
oraciós campesinas,
inspiración das galicianas musas,
que saben de infertunios
e saben de penurias
e saben de traballos
que soilo os probes con pacencia aturan,
e saben ben de maus que se encallecen
méntral-as frentes súan,
e hastra saben de corpos engoumados
que enriba dos arados se debruzan
por devoción â Terra,
Nosa Santa Señora da Fartura.

Quixera que os meus versos,
limpos de compostura,
fosen as oraciós que á decotío
se rezan nas seituras,
e dan animación âs lagaradas
trocando en viño as uvas,
e brincan pol-os agros
co algueireiro troulear das escasulas,
e teñen morna craridá da aurora
e maina lus de lúa;
oraciós que nos falan de espadelas
e que nos cantan cantares de debullas,
e gardan o arrecendo
da Nai Terra en lentura,
da Terra remexida e consagrada
no rito das decrúas;
d’esta Terra barril, Nai de Saudade,
que tanto vive en nòs e nos embruxa,
que queremos que seia o noso berce
i-a nosa sepultura…
¡pra saber que os seus rezos milagreiros
inda dispois de mortos nos arrulan!
(Oraciós campesinas, 1927)