Eladio
Rodríguez,
LEXICÓGRAFO.
O Diccionario
enciclopédico gallego-castellano plasma o ser de
Galicia como tradición enxebre aberta ó universal.
É a expresión coa que Camilo Fernández
Valdehorras, escritor e profesor de Filoloxía galega
e portuguesa da Universidade de Barcelona, define a que,
sen dúbida, é a obra máis significativa
de Eladio Rodríguez que, sen embargo, non a viu publicada,
xa que primeira edición faise logo do seu pasamento.
Foi en 1950, coa aparición da editorial Galaxia e
o patrocinio da Casa de Galicia de Caracas, cando se empezou
a xesta-lo proxecto de publicación desta obra que
recolle unha importantísima consunción
de voces, modismos, locucións, refráns, costumes.
En paciente tarea de moitos anos, recadou datos sustos dese
mundo amplo, emocionado, que é a vida popular. Non
só léxicos, senón históricos,
xeográficos e etnográficos. Coñecía
con verdadeiro amor o dicir das xentes do pobo, según
escribe Fernández del Riego.
Foi un traballo de compilación refráns, cantigas,
modismos populares
que lle ocupou a Eladio Rodríguez
toda unha vida, e que hoxe atopamos recollida nunha primeira
edición de tres volumes sacados ó mercado
por Galaxia entre os anos 1958 e 1961, e baseados nun manuscrito
de preto de 15.000 cuartillas que hoxe está depositado
na Fundación Penzol, según os datos dos profesores
do Departamento de Literatura Galega da Universidade de
Santiago María Álvarez de la Granja e Ernesto
González Seoane. Esta primeira edición de
Galaxia a tenor das explicacións de Fernández
Valdehorras- artellouse en tres volumes: un lemario cunhas
46.000 entradas e dous apéndices (un vocabulario
de voces pandialectais ordenado por Bernardino Graña
e Méndez Ferrín de 114 páxinas e outras
77 cun vocabulario castelán-galegode 4.638 palabras.
Inclúense tamén 11.363 refráns e máis
de 12.000 locucións ou frases proverbiais.
O Diccionario Enciclopédico gallego-castellano foi
pacientemente construido por don Eladio a través
da recollida de palabras e da súa clasificación
en numerosísimas fichas. Da paixón que adicou
a este labor ó longo da súa vida conta Ramón
Otero Pedrayo que don Eladio recollía palabras ata
durmido.
Algúns exemplos do que contén este Diccionario
Enciclopédico gallego-castellano son:
*)
BECERRO.- Tombo, libro de pergameo no que conventos
e mosteiros copiaban os seus privilexios e pretensas máis
importantes. Os becerros máis sinalados de Galicia
eran os de Sobrado dos Monxes, Samos, Celanova, Oseira,
Melón, Meira, Monfero e San Clodio do Ribeiro de
Avia.
*)
GALLOUFA.- Comida
que se daba ós peregrinos pobres que viñan
a Santiago pedindo esmola. Equivale á compostela.
*)
MIÑATO.-
Afirman ós campesinos que se laguen colle a
cabeza dun miñato e a coloca sobre o estómago,
farase querer de todos, especialmente das mulleres; e que
se a cabeza do miñato se pendura do pescozo duna
galiña, esta correrá sempre e non parará
ata que llela quiten; e que se frota co sangue do miñato
a crista dun galego, este non volverá cantar.
*)
ALFOMBRA.-
O
tiracoios ou tirapedras especial chamado alfombra empregábano
os rapaces dos arrabaldes da Coruña nos combates
a cantazos que adoito sostiñan entre si, divididos
por bandos, pois con ese enxeño arrebolaban coas
pedras moito máis lonxe que coa man. As pedreas desapareceron
e da alfombra só queda unha pequena lembranza.
*)
MARIMONDA.- Cada
unha das tres protagonistas do conto galego folclórico
titulado As tres marimondas, unhas mulleres malencaradas
e con cabelos moi revoltos para lles poñer medo ós
nenos.
*)
ESTRUMAR.-
Antigamente
estrumábanse as rúas dalgunhas cidades galegas;
como isto era perigoso para a saúde pública,
as ordenanzas de Ourense de 1509 prohibiron que dende os
primeiros de cda mes de decembro se lanzaran estrumes nas
rúas.
*)
CALZADO.-
Consta
en documentos que por auto e pregón do Concello da
Coruña do ano 1434 se prohibiu adicarse á
venda de calzado a quen non pertencese á Confraría
de zapateiros e non fose vecinos ou moradores da poboación,
ós que o auto chamaba estranxeiros de forra. Decrétase
tamén que os que non respectasen o acordo se lles
imponía por primeira vez 60 maravedís de multa;
a segunda vez, a perda do calzado; a terceira, trinta días
na cadea e máis o pago de dita pena. No auto xa se
dicía que a Confraría dos zapatos era antiga.
*)
BUXAINA.-
No xogo da buxaina hai as modalidades: da cova e do circo.
Para o primeiro faise de antemán unha cova pequena
no chan; un dos xogadores tira con forza o peón para
que baile; botan os seus sobre el os demais, procurando
que os ferretes fagan cuncas no que baila; e cando acaba
de dar voltas, o dono substitúeo por outro peón
de pouca estima, feito xeralmente de pau-pau para que faga
de pandote. Recolle cada quen na palma da man a súa
buxaina, que se ha demanter bailando, e bótana á
rolda contra o pandote. Se os xoguetes quedan moi xuntos,
(dándose bicos, como os rapaces din),
a buxaina non pode recollerse ata que deixe de bailar, caendo
mentres sobre ela as buxainas de tódolos demáis.
Ó pandar outro, reitira o anterior o seu peón,
dicindo: pu que agarro, pois de non dicilo ha seguir pandando.
E se o pandote está na focha todos procuran facelo
saír de novo cos golpes dos seus peóns; mais
se algún destes fica dentro, o dono non pode retiralo
ata que pare de bailar. Cando algunha buxaina consegue sacar
un pandote da cova colócano entre dúas pedras,
e alí cada xogador dálle co ferrete da buxaina
catro cuncas de bandallo tan fortes que non é raro
que escache, partindo en dous.